Opinión

A banda do Juán e o bombardeo do Cambedo

O Cambedo nunca soubo se era unha aldea galega, portuguesa ou independente. No ano 1864, no derradeiro tratado de fronteiras aínda era unha aldea galega cun apelido especial, era promíscua. Eran tres: Cambedo, Soutelinho e Lamadarcos, e no devandito tratado pasaron a ser portuguesas a cambio de que o Couto Mixto pasase a España. O Cambedo converteuse nunha praza estraña, onde o contrabando era o medio de vida e as actividades clandestinas non o eran tanto. 

Neste cóctel de indefinición e clandestinidade chegou a guerra civil e, onde outros viron desesperación, algúns viron negocio e outros unha vía de fuxida. Cos postos fronteirizos vixiados, os lugares de doado acceso e non tan vixiados, como Cambedo, foron zonas francas dende onde fuxir da represión e a barbarie ou introducir mercancías de 1ª necesidade (e outras) ao outro lado da raia. Este estatus durou máis alá da fin da guerra civil, pero as actividades clandestinas multiplicáronse, pois coa 2ª guerra mundial o contrabando de "minerio", de wolfram, fundamental para as blindaxes de armamento pesado, fíxose moi lucrativo. 

A todo este pó de actividades ilegais uníuselle a guerrilla antifranquista, que se aproveitaba da fronteira para acosar ás forzas fascistas e axudar a fuxir a represaliados. Nestes lugares actuaba a Banda do Juán. Juán Salgado nacera en Casas dos Montes, aldea irmá do Cambedo, amigo de Baltasar, que sería máis tarde o cura-alcalde socialista de Vilardevós, e Santiago Martínez, un labrego. A xente lembra que o Juán era moi guapo, bo bailarín e cun concepto da ética moi elevado. Tocaba o cornetín pero era mestre da gaita, e así se convertía na alma das festas. Nunha delas coñeceu á súa muller, de Moimenta, moi ciumosa ela, e leváballe o demo a cada mirada que outra rapaza lle botaba ao Juán cando tocaba ou bailaba. Por unha rapaza en Vilela tanto se enfadou que encirrou ao seu irmán para que lle metera unha tunda. O cuñado do Juán botouse a el cunha machada e, tan mal se viu que se defendeu cunha pedra, rompéndolle a cabeza. Fuxiu e botouse ao monte. E uniuse á guerrilla antifranquista. El non era político, pero a súa rectitude fixo que en pouco tempo fose un dos comandantes da Federación de Guerrillas de la provincia León-Galicia.

Axustes de contas, vinganzas, accións estratéxicas contra comunicacións, antiespionaxe..., e tamén contrabando de minerio e outros productos. Pero cando a 2ª Guerra Mundial rematou, o apoio da Unión Soviética quedou a cero polos pactos de xeoestratexia, e Galicia quedou fóra do seu reparto. As guerrillas tiveron que ser máis audaces para conseguir fondos, como un atraco protagonizado polo Juán e o Demetrio (o sargento, de  As Chás) na Madanela. Ou o afamadísimo atraco ao bus que ía a Xinzo dende Verín, na curva que dende entón se chamou a Curva do Atraco, entre as Estivadas e Atás. 

Coas circunstancias internacionais en contra e cada vez menos medios, cométense erros graves. Hai feitos dunha audacia tremenda, como o asasinato do carniceiro do Bierzo, o Aguirre, xefe da Falange en Ourense, de Vilaza. Este asasino fora o responsable dunha cuadrilla de pistoleiros que actuaron no Bierzo, culpables de máis de douscentos asasinatos, ademais de violacións, roubos, palizas... O Juán entrou de noite na súa casa, sen que ninguén se enterara, e matouno na súa cama. Aínda así tivo mellor trato que a familia que o Aguirre asasinara cunhas latas de gasolina no fondo dun pozo mineiro de Cacabelos...

ACTUAR EN PORTUGAL

Actuar en Galicia era unha cousa; actuar tamén en Portugal, outra. Un día, en Negroes, o doutor Sousa Pinto, foi abordado pola banda do Juán dentro da súa casa. Este delatara a un médico de Verín, afamado por dar cobertura á xente que quería fuxir a Sudamérica. O médico foi entregado á garda civil na fronteira e, posteriormente, fusilado. Ademais, o Pinto quedara cun cofre que tiña unhas 200.000 pesetas destinadas ao apoio aos fuxidos, polo que decidiron que había que axustar contas. Fóiselle das mans e mataron ao Pinto, e a dous criados del, feito que tivo moitísima repercusión en Portugal. Despois diso comezou por parte das autoridades unha verdadeira caza ao home. 

FALSO ATENTADO 

Como a represión non quebraba a determinación da xente na axuda á guerrilla, ocorreu un dos feitos máis vergoñentos da historia da garda civil: un atentado de falsa bandeira, deseñado para provocar unha acción decidida das autoridades portuguesas e rematar con esa guerrilla dunha vez. O bus camiño da feira de Chaves dende Vilaverde ía cheo de xente cando, uns asaltantes, entre cinco e sete, según lembra a pasaxe, pararon o bus e atracárono. Cando meses máis tarde se celebrou o xuízo e condenaron ao Demetrio, só deu testemuña o chófer, pero non deixaron que ningún pasaxeiro dixera nada. Dixo que recoñecera as caras do Juán e do Demetrio, a pesares de que ían con ela tapada. Sen embargo, a xente da pasaxe coincide en que eles non os recoñeceran, en que os asaltantes falaban castelán (cousa difícil, porque a banda só sabía falar galego e portugués), que calzaban botas militares (cando os guerrilleiros non tiñan acceso a ese material e ían sempre con alpargatas) e un par de pasaxeiros de Feces recoñeceron a un veciño garda civil que traballaba no posto fronteirizo. 

Este feito vergoñento foi usado polas autoridades portuguesas para xustificar unha acción militar contra esa guerrilla e dispuxeron rodear a aldea de Cambedo, o 20 de decembro de 1946, con máis de mil efectivos conxuntamente coa garda civil. Poucos días antes un infiltrado informara de que nunha palleira entre Casas dos Montes e Cambedo houbera unha reunión de 37 comandantes da Federación de Guerrillas para discutir o feito do asasinato do doutor Pinto e de como iso lles complicaría a vida a todos, tan grave foi o asunto.

Así pois, sabendo polo mesmo traidor que o grupo do Juán se reunía nunha casa do Cambedo, rodearon a aldea e con morteiros bombardeárona durante 24 horas, sen piedade. Poucos disparos de escopeta salvo nun intento de fuxida dun deles, por unha xanela a un tellado, abortado. Outro tivo máis sorte e conseguiu meterse no río e despistar aos gardinhas. 

A MORTE DO “ROBIN HOOD"

Cando rematou o bombardeo, apreixaron o cerco e metéronse casa por casa onde os veciños aterrorizados non podían facer nada máis que erguer as mans e saír á rúa. Atopando aos guerrilleiros, viron que o Juán morrera, e sete membros máis da banda. Logo veu o terror, palizas, algún tiro e, finalmente, a xente identificada como colaboradores da banda foi xulgada e desterrada a Angola. A maioría non volveu, e os que o fixeron xa foi nos anos noventa. Así rematou a vida do Juán e comezou a lenda dun home bo. Gaiteiro, contrabandista, guerrilleiro, un "Robin Hood" raioto e trasmontano.

Te puede interesar