Opinión

18.000 euros

As case dúas horas que pasaría na Farixa esperando a Alán non estaban para a lectura: fóra do coche, chovía; e dentro do coche, quedaría medio conxelado. Así é que optei por dar un paseo ata o centro de Ourense. Antes, parei nunha cafetaría a ler este xornal e a tomar o correspondente café. Na rúa do Paseo atopeime co de sempre: case máis coches que peóns (por certo, os coches non ocupan tanto ou máis cós manteiros?, onde están as protestas dos comerciantes?) Cando peguei a volta, á altura do parque de San Lázaro, e sobrándome moito tempo, acheguei ata a praza Bispo Cesáreo para contemplar os 18.000 euros (en números). Dezaoito mil euros (en letras) que o concello empregou nun belén raquítico, estraño, raro, insulso, anómalo e demais adxectivos relacionados coa estupidez ou asneira inventiva. Quince figuras entre animais e persoas (Santas e non Santas), unha mesa, dúas cadeiras, cinco obxectos diversos, media ducia de cercas de madeira e uns quince metros de corda. Todo iso polo módico prezo de 18.000 euros. Unha ganga, unha bicoca e xa está o belén armado. Nin nos chinos ou nas feiras haberá un belén tan parco ou estrafalario. Claro que, nestes, ó mellor, o prezo vai moito máis alá dos dezaoito mil euros. Porque 18.000 euros dan para moito. Por iso non souben apreciar (entoo o mea culpa) o material co que están feitas as figuras. Debería ser bo. Por ese prezo xa ten que ser bo. Bañarían o ouro para disimular e para que ninguén arrample coas imaxes.

Te puede interesar