Opinión

300 euros con chofer y asistenta

Dúas noticias tan só. A primeira versa sobre Luis Bárcenas. A segunda vai sobre Rosalía Iglesias, a muller de Luis Bárcenas. Para que todo quede na casa. Imos coa primeira. Chamado de novo a declarar, o ex tesoureiro do PP confesa que había caixa B en todas as provincias. Non sei por que, pero créoo. E tal como está a situación ata case podo confesar que hai caixa B en todos os concellos, ou mellor dito, en todos aqueles organismos que están a chupar do bote. O partido, agora, é normal que diga que é un mentirán. Penso que nin tan sequera é un esaxerado. Ata poida que se quedase curto. Porén, o PP nin caso; seguen ó seu e sen intención de dimitir ninguén.

Imos coa segunda noticia. A muller dese personaxe… “suízo”, tras o embargo que a xustiza realizou nas súas contas, quéixase de que non pode vivir con tan só 300 euros ó mes. A verdade é que iso nin é paga, nin é pensión, nin é nada. Esta xustiza nosa… Pero se ela non pode vivir con 300 euros, moito menos poderán facelo o seu chofer e a súa asistenta. Enténdese que non lles pagará. Con que? Ó mellor tamén pensa que somos parvos e imos crer iso de que vive con tan só eses euracos e que tanto o chofer como a asistenta lles traballan gratis. Inocente! Perdón, de inocentes non teñen un pelo (ela e o seu home); foron listos de raio, que viven á conta dos pombos.

Te puede interesar