Opinión

A almofada verde

Pouso a cabeza sobre unha almofada verde e contemplo o azul do ceo. Dun ceo con tres ou catro nubes que se deslizan cara ó sur na busca dunha eternidade que non ten fin. Penso na claridade do día cando está a piques de asomar o luscofusco dunha conciencia diaria, ou semanal. Non a calquera hora hai ceos que debuxan un conto mentres intento vencer o sono. Agora cada quen que pense o que queira sobre o refulxir das estrelas. Soergo un chisco a cabeza e deixo que a almofada verde se inche para, nuns segundos, deixar caer de novo esta miña intelixencia que, por suposto, é efémera. Tan efémera que non sei como fuxir do cometa que levo dentro. Quero agarrarme á cola deste pero a distancia é tan enorme, tan inxente que deixo que se perda tras a miña ollada. Unha ollada que se enche de auga porque a melancolía é o pracer de estar triste. Non estou triste. Pero tampouco estou para botar as campás a voar. Por iso deixo a cabeza sobre a almofada verde, pecho os ollos e o “Bolero” de Ravel lévame polo espazo sideral seguindo o ronsel do cometa. Soño co bater de ás dunha rula gris e sinto que a vida corre ás présas. Aínda que, de cando en vez, acougo sobre o seu niño e noto como a felicidade infla a almofada verde para que a miña melancolía empreñe de ledicia, de amor e de consolo. Que máis quero!

Te puede interesar