Opinión

A color da soidade

Quere chover sobre a conciencia dunha folla seca, pero é o sol o que asoma por entre unhas enxivas vermellas. Cantas veces desexamos o que non podemos ter! Canto silencio hai nun pensamento que vai e vén polos carrís, polas relleiras dunha memoria chea de retranca ou de desolación. Sempre temos un lado escuro no máis profundo da alma ou unha estrela que brilla debaixo dunha almofada. Como se ve, hai para dar e tomar. Adoitamos lanzar sorrisos ó vento cando nos negamos a ver bágoas nunha soidade branca. É complicado saber de que color é a soidade.

Para a gran maioría quizais sexa negra. Porque hai poucos que busquen a soidade eterna. Si, ás veces buscamos eses momentos de señardade nos que o silencio se deita sobre a mente dunha aflición, dun deleite. Pero son tan só momentos, instantes, ocasións. Quizais a soidade sexa incolora. Quizais. Pero máis dunha vez queremos trotar por entre os campos verdes dunha ilusión que foi, que é e que quizais sexa. Aínda que o amarelo dun soño se bote fóra do arco da vella para chamar a atención, para presumir dunha primavera en pleno inverno. Sempre haberá colores que canten un kirieleisón pola esencia dunha ansiedade que temos metida no corazón.

Te puede interesar