Opinión

Á espera

Comparte o silencio consigo mesmo cando unha conversación queda estancada e deixa que o pensamento se retorza por entre os truques e retruques dun aspecto demasiado íntimo ou sentimental. Cando o silencio se prolonga é porque algo máis que un obstáculo se cruzou na inercia do asunto. Obstáculo en forma de bágoas que pingan pola súa cara abaixo. E ese instante, ese momento queda colgado na preñez dun sentimento. O home deixa caer a ocasión sobre unha cama bañada en azul e queda á espera do que pode vir ou do que non virá nunca. 

Non sempre todo sae a pedir de boca. Ás veces non queda outra que erguerse con forza dunha derrota, de varias derrotas e instar ó corazón para que berre ou rebente polos confíns do universo. Pero aínda así, segue o silencio preñado de romanticismo e a páxina do caderno bambea ó vento. Unha páxina en branco. Porque non se pode escribir cando os folgos semella que o afogan á beira dunha mesa de noite. 

Sempre haberá momentos nos que o silencio se acovardará ante o ruído. Pois hai ruídos que son coma berros que atravesan as distancias e que esgazan o tempo. Porque que hai lágrimas que caen porque teñen que caer. O home déixaas caer e escóndese entre as sabas brancas dunha vida que non é quen de compensalo con iso ó que se lle chama felicidade eterna. Pero ergue unha vez máis, doutra derrota máis e confía en que algún día nesa páxina en branco se impriman os anhelos que leva consigo. Mentres, segue a compartir o silencio consigo mesmo.

Te puede interesar