Opinión

A felicidade dun neno

Lin no libro “El último barco”, do galego Domingo Villar, unha frase que lle soltaba un personaxe ó inspector Leo Caldas que me mandou de súpeto á infancia e, en concreto, a unha noite da infancia. A frase viña a dicir que “un neno só necesita dúas cousas para ser feliz: a primeira, un can e a segunda é unha nai que lle deixe ter un can”. É certo! É verdade! Ó lela asomou, coma un lóstrego no meu entendemento, o meu can Uriarte, que se debuxou ante os meus ollos coma se o acabase de ver na realidade.

Era un cativo e queríalle tanto a este can (a realidade é que lle quero un montón a todos os cans) que unha noite pedinlle á miña nai de quedar a durmir xunto ó cadelo. A durmir nun espazo que tiñamos preto do cortello dos porcos, no que o chan era de cemento. Ela, claro, intentou botarme para atrás; que se o cemento, que se o frío, que se as carrachas, que se saca de aí, que se tal, que se cal. Pero ante a miña insistencia, ante a miña ladaíña acompañada, por suposto, nuns xestos disimulados de querer verter bágoas, non lle quedou outra que chamarme parvo e que fixera o que me dese a gana. E deitei á beira do can, sobre unha gabardina vella que andaba por alí de cando abrazamos os feixes dos nabos. O que pasa é que a lóxica axiña imperou. Ás tres da mañá o corpo asimilou de que o cemento era demasiado duro. Subín para a habitación.

Te puede interesar