Opinión

A felicidade e de cor azul

Cae o silencio sobre o luscofusco deste xoves que está a piques de dicirnos adeus. Un silencio que me leva polos camiños desas conversas entre pingas e pingas de ansiedade e de consolo. Sempre pensei, e agora seino, de que a felicidade era de cor azul. É de cor azul. Como branco é o sorriso que navega polas entrañas de todo o meu ser. Así é que busco en silencio unha zona verde para contemplar un balcón que dá para o oeste. Ás veces os puntos cardinais son como estradas que me levan ata o infinito e máis alá. Miro para o norte, contemplo o sur e, en ambos sentidos, non vexo nada. Todo está enfronte. 

As luces de neón asoman polas rúas do pobo e un sombreiro, estratexicamente colocado, tapa a ansiedade dun latexo, ou dun sentimento, ou dun pensamento. Aínda que o meu entendemento vai moito máis alá do prohibido, do estratéxico. Quen son eu entón para romper o silencio? Non o rompo e contemplo, tan só observo. Observo e admiro a inmensidade dunha conciencia limpa, clara, verdadeira e sincera. Abraiado quedo ante os momentos felices nos que o meu criterio non erra. Pasmo ante a quietude, ante o silencio dunha figura que brilla, que escintila, que refulxe. 

Sigo mirando de fronte. Vexo a cor azul. Vexo os bicos abertos. Pecho os ollos e quedo en silencio. Hai sorrisos que deixan a un fundido na melancolía e coa congoxa suspirando... en silencio. Ergo e desando os camiños que me levaron a través dos latexos dun corazón que berra nesta xa noite de silencio. Pecha a noite os ollos para que pouco a pouco os soños asomen, como non, en silencio.

Te puede interesar