Opinión

A focha máis famosa

Unha labarada de pelo vermello, unha enerxía que desbordaba, unha vontade férrea de triunfar e, sobre todo, a súa focha na barbela, converteron a Kirk Douglas nun dos actores máis grandes que pariu Hollywood.

Fillo de xudeus rusos emigrados a Estados Unidos, Issur Danielovitch Demsky, naceu o 9 de decembro de 1916 en Amsterdam, non a capital dos Países Baixos, senón nunha localidade moi próxima a Nova York. Cando o seu pai deixou a súa nai con seis fillos, o futuro actor traballou de camareiro, de mozo e dunha morea de traballos para sacar á súa familia adiante e pagarse os seus propios estudos, primeiro na Universidade e logo na American Academy of Dramatic Arts, polo que axiña acadou pequenos papeis en Broadway. Foi nesa época cando adoptou o nome profesional de Kirk Douglas.

Mais a guerra axiña cortou a súa carreira. Tivo que alistarse na Mariña e ferírono no Pacífico sur. Tiveron que desmobilizalo. No ano 1943 casou coa actriz Diana Dill, coa que tivo dous fillos: Michael (tamén actor e produtor) e Joel.

Kirk volveu a Broadway ó mesmo tempo que traballaba na radio, ata que en 1945, e a instancias de Lauren Bacall, contratárono por 500 dólares á semana. Debutou como esposo débil e apoucado de Barbara Stanwyck en “O estraño amor de Martha Ivers” (1946), de Lewis Milestone.

O triunfo e a consagración do seu talento chegou en 1949 con “Ídolo de barro”, de Stanley Kramer. Aí, Kirk converteuse non boxeador sen escrúpulos, disposto a triunfar a costa de todo e de todos. E a súa carreira seguía especializándose en papeis de malo. En “O gran carnaval” (1951), de Billy Wilder, encarnaba a un periodista sensacionalista, cínico e malvado que atrasa o recate dun home atrapado nunha cova para acadar unha boa reportaxe, o que provoca a súa morte. Despois deulle vida a un policía corrupto e cruel en “Brigada 21” (1951), de William Wyler.

Separouse da muller e a súa vida privada empezou a ser un bulebule de amores adolescentes que, iso si, soubo levar con discreción. Mentres a súa carreira... a súa carreira para a semana que vén nesta mesma columna.

Te puede interesar