Opinión

A foto dos "listos"

No noso país hai xente que é moi lista, ou que se pasa de lista, claro. Xusto ó día seguinte -ou xa esa mesma noite- do partido entre Alemaña e España para esa Liga de Nacións que se inventaron, empezou a circular polas redes sociais unha foto (tanto que, xusto tamén, no momento en que iniciaba este relato, chegoume un guasap máis coa mesma) na que se ve ós xogadores da selección española moi xuntiños, tanto que están enlazados cos brazos polos ombreiros, mentres que os alemáns están algo separados uns dos outros. Claro, ante este achegamento, o “listo” ese que iniciou a circulación da foto axiña botou man do seu enxeño e proclamou ós catro ventos a lenda de: “Esta imaxe define a España fronte ó covid-19”. Vendo o que é a foto tan só, pois mira, ata ten razón. Pero un servidor tivo a sorte de ver o partido e incluso o momento de tocar os himnos. Como España xogaba fóra, pois o primeiro himno que se deixou escoitar no estadio foi o noso. Pero cando lle tocou ó himno alemán, os xogadores bávaros fixeron exactamente o mesmo que os españois, ou o que é o mesmo, que definiron ó seu país fronte ó coronavirus.

Somos tan listos que nos adiantamos á acción dos acontecementos. Ti critica, que algo sempre queda, dicía aquel. E nisto si que non nos gana ninguén. Sempre fomos moi propensos a tirar as pedradas contra o noso propio tellado ou emporcar a fonte na que se bebe. Somos moi amigos de criticar o libro sen lelo ou a película sen vela. Nisto último tivemos a proba naquela película de Scorsese, “A derradeira tentación de Cristo” (1988), que se manifestaban ante os cines sen ver o filme.

Te puede interesar