Opinión

A gusto no mundo

Catro da tarde. Movo os pés ó compás da música. Soa “O cumbanchero”. Ten ritmo, moito ritmo. Fóra vai sol; aínda que o toldo que cobre a miña ventá non me deixa ver moi ben a tarde. Pero non fai falta; vai calor. Levamos todo un verán de calor. Xa empeza a apoderarse de nós a seca. Non sei se non terei que emigrar para a selva amazónica. Alá hai auga e humidade. O peor é se non hai rulas. Se non hai, regreso a Galicia e pillo unha. Estou pensando que, pola auga, tampouco é tan necesario emigrar tan lonxe. Chega con ir ata o deserto do Sáhara. Busco un oasis e xa está. Aí sempre hai auga. E logo de beber déitome á sombra dun camelo ou dun dromedario e xa pode rebentar o mundo. Ás catro e dez da tarde non rebenta porque eu non quero que rebente. En principio estou a gusto nel. Tamén é certo que teño un peito coma un cabalo. Xa hai que estar algo zumbados para vivir na gloria nestes tempos que corren. Sinceramente, vivo na gloria. Ás veces esaxero moito para que a xente pense que non vivo tan ben. Sabedes que no noso país a envexa ten o seu aquel. E entón procuro disimular un pouco: que se emigro, que se viaxo a outras galaxias, que se maldita sexa... Pero a realidade pura e linda é que vivo coma Deus, coma un sapoconcho no seu peregrinar. Vivía xa ben ás catro da tarde e sigo vivindo nunha nube branca chea de felicidade ás catro e vinte. Agora que cada quen se queixe á súa maneira. Ou que escriba as queixas. Eu escribo as bonanzas que non teño; pero, repito: é bonito esaxerar algo de cando en vez.

Te puede interesar