Opinión

A liberdade de Farahani

Facer cine en Irán é moi complicado. E se non que llo pregunten á actriz Golshifteh Farahani, que cando rodou o filme de Ridley Scott “Rede de mentiras” (2008) e acompañando a Leonardo DiCaprio, o réxime do seu país retívoa  e retiroulle o pasaporte durante un tempo. Os censores botábanlle en cara a ousadía de actuar sen velo e pasear a súa fermosa cara descuberta pola alfombra vermella de cando se estreou o filme en Nova York. Porque Farahani é guapa ata a extenuación. Tanto que uns xa a comparan con Elizabeth Taylor e outros, pola súa fama, con Brigitte Bardot. Tanto que incluso o director franco-afgano Atiq Rahimi non a quería para un filme seu, alá polo ano 2012, precisamente porque era fermosa de máis para o personaxe que tiña que representar. Non obstante, ela, testana, logrou o papel a forza de insistir.

No ano 2012 a actriz mostrou un dos seus peitos nun vídeo de promoción para os premios César franceses, polo que a súa aparición simulando a liberdade guiando ó pobo (o famoso cadro de Delacroix) foi de tal envergadura que o seu pai axiña recibiu unha chamada da Corte Suprema Islámica ameazándoo con levarlle os peitos da súa filla nunha bandexa no caso de que a ela se lle ocorrera volver a Irán. Non regresou, claro. É máis, a actriz respondeu á ameaza espíndose para unha revista francesa. Hai pouco que declarou que vivirá a súa vida no exilio, pero que, así, os ditadores lle fixeran o mellor regalo, “porque ó perder o meu país, ganei o mundo. Estou agradecida por todas as cousas horribles ás que me someteron, xa que me deron a oportunidade de acceder a un universo maior. E nesta liberdade ninguén me pode arrebatar Irán”.

Golshifteh Farani é a pequena de tres irmáns e naceu na capital irana o 10 de xullo de 1983, catro anos despois da caída do Sha e en plena guerra entre Irán e Iraq. O seu pai era actor e director de teatro e a nai era pintora. De nena apuntaba a súa carreira cara ó piano, pero axiña se decantou polo cine. Con 16 anos atacárona con ácido pola rúa. Menos mal que só sufriu queimaduras na man. Vive en París desde 2008.

Te puede interesar