Opinión

A mosca na orella

Vin tanta ansiedade nos ollos, nos xestos e, principalmente nas palabras dos meus fillos cada vez que falaban da película “Vingadores: Endgame” (2019) que optei por acompañalos e a ver que acontecía. Pero, iso si, fun desde un primeiro momento coa mosca na orella. E iso que me gustan as películas da Marvel, as películas de acción, as películas de ciencia-ficción. Serei sincero: gústanme as películas de todos os xéneros... as ben feitas.

A mosca na orella xa me rañou por detrás cando vin o dos últimos anos: á xente entrando á sala con auténticos barreños de flocos de millo, coma se o recinto, en vez de ser un lugar no que se proxecta unha película, fose un restaurante. Cando nos daremos de conta de que imos ver un filme que pode ser unha obra de arte e non de levar a cabo unha merenda ou (no noso caso) unha cea. Seguiu a mosca rañando por detrás da orella con respecto ó son; perdón, ó volume. Porque sigo denunciando que se confunde o volume co son. Non me estraña de que algúns, ó final das películas, saiamos medio tocados, medio aparvados a causa do estremecemento dos tímpanos,

E xa a mosca acabou por fin de chucharme o sangue coa propia película en si. Que podo resumir moi perfectamente cunha simple frase que o di todo: pouco ruído e poucas noces. O ruído vén, claro está, por toda a trapallada, por toda a zarangallada que trae consigo o acontecemento cinematográfico, o de bater practicamente todos os récords habidos e por haber, en referencia, por suposto, á recadación. Porque a outra cousa...

“Vingadores: Endgame” resultoume tan maliña que, en momentos, produciume risa, e non porque teña momentos ou escenas simpáticas, senón por iso, por non ter nin pés nin cabeza. Nela o que máis me chamou a atención foron os esperpénticos e ridículos diálogos que se desenvolveron ó longo de toda a proxección. É certo que non traizoa ó espectador e canto a espectáculo. Pero o cine, xa o dixen atrás, pode ser arte. Aquí, como se adoita dicir, nin arte nin parte. A verdade é que nomear a palabra arte nunha película destas características é un auténtico insulto.

Te puede interesar