Opinión

Á nosa comenencia

Cando se iniciou isto da pandemia do coronavirus empezamos a baduar contra os de Madrid porque se viñan para as aldeas e podían traer consigo ese bicho tan temido. E parecíalles mal. Agora son os de Ourense os que empezan a desprazarse para os concellos da contorna a tomar algo, porque na cidade xa non poden facelo con persoas non convivintes. Despois, claro, non asumirán moi ben que falemos mal deles. Estou seguro que lle sentará moi mal a crítica a un uruguaio que padeceu o covid-19 e que apareceu neste mesmo xornal o pasado domingo confesando que lle parecía que as medidas que se tomaron na cidade eran insuficientes. E o paisano, sen andar con días santos ou sen torcer o rego, para escapar delas, achégase ata A Valenzá cuns amigos para instalarse nunha terraza a vivir a vida. Que máis dá se se contaxia alguén! Como dicía un coñecido meu polas redes sociais: hai que ter uns collóns cadrados para dicir iso e ir tocar o nabo a Barbadás. Entendo que os hostaleiros estean contentos porque na fin de semana seica aumentou a clientela con inconscientes coma ese uruguaio. Non sei que dirán cando, ó mellor, nuns días xa nin tan sequera os propios veciños poidan saír a tomar algo porque chegou a orde de pechar todo de novo, pois coa marcha que levamos (empurrada pola inconsciencia de moitos) non tardaremos en atoparnos con restricións e máis limitacións. Ía dicir que somos uns inconscientes, pero non. Sempre sabemos o que facemos. O que pasa é que nunca nos interesou mirar para os demais. Nós... á nosa comenencia

Te puede interesar