Opinión

A serea de América

Mollada é unha estrela, seca non é nada”. Así definía Fanny Brice, unha cómica dos anos 40, a Esther Williams. Porque a actriz Esther Williams creou un subxénero do musical: o musical acuático. Foi a serea da Metro Goldwyn Mayer por antonomasia. É máis, como a describiu Clark Gable, foi a Serea de América.

Esther Williams nacera nos Ánxeles o 8 de agosto de 1921 e ós 16 anos xa batera dous récords mundiais de natación, polo que a asignaron para completar o equipo ianqui que participaría nas Olimpíadas de Helsinqui de 1940. Pero Hitler coas súas ansias maniáticas e criminais frustrou todas as súas expectativas, xa que se suspenderon tales xogos a causa da Segunda Guerra Mundial. Así é que, a Williams non lle quedou outra que optar pola carreira de modelo, de modelo de traxes de baño e facía presentacións cun tal nadador Johnny Weissmüller, ou sexa, o mítico Tarzán. Un produtor da Metro fixouse nela, e aínda que non sabía actuar, nin cantar, nin bailar, o estudio inventou para ela ese subxénero que dicía antes.

Debutou en 1942 nunha saga de éxito que protagonizaba Mickey Rooney. A partir de aí chegaron as súas 26 películas acuáticas, con títulos tan míticos coma “Escola de sereas”, na que colaboraba o músico Xavier Cugat e a súa orquestra; “Xogo de paixóns”, “A filla de Neptuno” ou “Festa brava”, entre outras. A súa imaxe en traxe de baño foi unha das favoritas dos soldados americanos durante esa Guerra Mundial. Os seus filmes eran unha mestura de luxosos números musicais, espectaculares ballets submarinos filmados nun impoñente tecnicolor e moitos deles con coreografía do mítico Busby Berkeley. Iso si, o argumento importaba pouco; o caso era que servisen para mostrar a Esther Williams en traxe de baño e para que fixera gala das súas habilidades acuáticas.

A mediados dos 50, a súa estrela empeza a minguar e rompe o seu contrato coa Metro para intentar facer unha carreira como actriz independente, incluso sen piscinas, pero a súa etapa xa quedaba para o recordo. Morreu durmindo placidamente ós 91 anos na súa casa de Beverly Hills. n

Te puede interesar