Opinión

A traballar as terras!

O eucalipto non pode ser o chibo expiatorio dos incendios. Alguén dixo. E eu digo que non, oh, non, como van ser os eucaliptos. Pobriños!, co dereitiños que son. E co ben que cheiran. Tiñamos que ser todos pobres, pero moi pobres para ter que traballar a terra, e así non habería nada que arder. Que sodes todos uns nugalláns, carallo! Agora vívese coma Deus e, claro, as terras para os xabarís e as árbores para as lapas. Cando eu era rapaz, e se por un casual, había un incendio, apagábase nun chiscar de ollo; porque as matogueiras eran pequenas e as poulas estaban limpiñas e, que eu saiba, o lume non empeza nas copas dos carballos ou dos castiñeiros (por certo, nos meus tempos case non sabiamos o que era un eucalipto). Estaban limpiñas porque eu traballaba, nós traballabamos e nin tan sequera había os “ninis”. Agora hai “ninis” e moito lacazán, moito camanduleiro. Tamén é certo que hai moitos eucaliptos, pero, repito, pobriños, como van ser eles os culpables. O primeiro culpable é o artefacto incendiario. O segundo culpable é o pirómano que fai uso do artefacto incendiario. O terceiro culpable pois parece ser que é o eucalipto. E dígoo tal cal porque sei que non se cabrea comigo. Porque os demais culpables non os digo para que non salten chispas. A ver se aínda por encima vou ser eu o pirómano polo das chispas. Non queda outra que pedirlle á Xunta que merque vacas para todos eses preguiceiros e que se dispoñan a traballar as terras. Un arado romano, un fouciño, unha aixada e unha aguillada para tanguer as vacas e xa veredes como se lembran os meus tempos. Coidadiño, eh, dentro do malo, era bonito: nunca lin tanto como cando andaba detrás das vacas. E non provocaba incendios. Claro que tampouco había moitos guizos. Non che digo xa eucaliptos.

Te puede interesar