Opinión

A velas vir

Alguén me dixo: as cousas ou se fan ou non se fan. Quedei pensando un chisco e deille a razón. Incluso cheguei á conclusión de que se estaba escoitando a Nina Simone, nese momento, non podía escoitar a Camilo Sesto, por exemplo. Pero pasado o tempo tamén pensei que ó mellor non era necesario facer ou non facer; simplemente estar aí, quedarse quietiños e esperar a velas vir. Hai moita xente que está a velas vir. Porque confía en que lle caian os pans cocidos do ceo. Estes días case poden esperar, que está o Lorenzo de tal maneira que pode moi ben cocelos. Mesmo eu, moitas veces, estou a velas vir. Póñome á sombra debaixo dun balcón e, ale, alí de pasmón, a ver se cae un pan cocido, ou un bico, por exemplo, dalgunha nube que pasa por alí correndo. As nubes, por veces, deixan caer uns bicos húmidos que emocionan, que gustan, que refrescan. Claro que se esperas un bico deses ata resultará que é bo estar a velas vir. Pois mira, vou seguir a velas vir; por se aquel. Tamén outro alguén (pero non o alguén primeiro, senón outro) me dixo: ás veces esbardallas ou badúas un pouco. Quedei pensando outro chisco e, mirade vós por onde, tamén lle tiven que dar a razón. A min non me costa nada darlle a razón a quen a ten. E cando non a ten, moitas veces tamén lla dou. El queda a gusto, contento e eu quedo tranquilo, tan pancho, ou sexa... a velas vir. Ufff, canto me costa saír da sombra do balcón. Pero hai que facelo; o tempo pasa e todo ten que cambiar. Mañá será outro día e ó mellor ata volvo a asentar á sombra debaixo dese puto balcón a esperar a velas vir.

Te puede interesar