Opinión

A vivir, que son dous días

Nubrado, pero coa temperatura apta como para andar en camisa. Non obstante, saín coa cazadora. Porque fun ler pola beira do Barbañica e tiven medo que, nas sombras, a camisa non fose suficiente. O que si aconteceu realmente e que o po dos piñeiros púxoma perdida. A cazadora, se entende. Eu non sei se ás veces me entendedes ben. Aínda que confeso que sería por miña culpa, porque non me sabería explicar. Por iso recalco certas cousas. Coma por exemplo o da cazadora. Imaxino que xa entenderiades que o po me puxera perdida a cazadora, pero... e se pensabades na camisa. O ser humano ás veces é algo complicado; adoita escapar pola extrema. Algunhas veces quere buscarlle non sei cantos pés o gato, cando todos sabemos que este mico doméstico só ten catro. Queremos facernos a vida difícil; e co sinxela que é. Simplemente consiste en tirar para adiante e vivir. Vivir que son dous días. Non lle poñamos atrancos. Se os pomos non queda outra que apartalos, que quitalos. A ver, non é mellor vivir alegres que acovardados, vivir felices que amargados. Co bonito que é subir a un outeiro, poñerse en pelotas e berrar. E berrar coa felicidade aniñando na alma e cun enorme sorriso nos beizos. Berrei e ó chegar á casa limpei a cazadora. E feliz.

Te puede interesar