Opinión

Acontecementos que arrastran

Era nos tempos de Maricastaña, nos tempos en que televisaban o baloncesto, nos tempos de Corbalán e Iturriaga e Epi e Chechu Biriukov cando gozaba con ese deporte. Despois a televisión española deixou de emitir partidos e, claro, fun perdendo contacto co baloncesto. E si creo que perdín bastante porque creo que foi un deporte que evolucionou moito, principalmente nas súas regras. Agora volve a miña afección porque xogan a el os meus dous rapaces. Non obstante, podo dicir que non entendo nada. Sinceramente, non distingo as dobres dos pasos, as faltas persoais (a non ser que un lle zosque ó outro un lapote de categoría) dos tiros libres (se son dous ou tres) Sei o que é campo atrás. A ver se agora pensades que…

Pero é igual; non fai falta entender para gozar coma un anano. Que foi o que fixen o martes pasado vendo ó COB contra o Breogán. Máis polo ambiente que polo partido e si. Aquel foi o que me fixo escribir este recuncho. Nunca vira tal no Paco Paz. Nunca vira a tanta xente de Ourense tan feliz. Agora creo niso de cando din que “aínda que non che guste isto ou aquilo, hai acontecementos que te arrastran”. É verdade. Emporiso, tiven un recordo para os lugueses: imaxinei a súa viaxe de volta. E déronme pena. Si, son un sentimental, pero… O peor é se o gozo queda nun pozo. Xa sabedes, a cuestión económica para estar na ACB. Ó mellor custa máis que o sangue, suor e bágoas que se derramou durante todo o ano.

Te puede interesar