Opinión

Acordo de mínimos

Osábado pola mañá, camiño da aldea da muller, escoitabamos a radio e empezaron a falar da Cume do Clima, que acababa de rematar en Madrid. Semella que a un periodista se lle deu por botar man das hemerotecas dos xornais en relación ás últimas cumes que se celebraran en distintos lugares do mundo. En todos ese anos consultados (non os lembro, pero dixo varios) os xornais tiñan todos o mesmo titular ou moi semellante: “Os acordos foron mínimos”. É dicir, que durante unha semana ou máis case 200 países e tras discursos de mandatarios (a Madrid semella que chegaron uns 50 xefes de Estado ou de Goberno), negociadores, científicos, activistas e empresas só adoitan chegar a uns mínimos acordos que (aquí está tamén o detalle logo de pasado o tempo), finalmente, non cumpre ninguén. Ou sexa, catro liñas que se redactan para que ninguén as realice. Algo así coma os políticos cando prometen... que non cumpren.

Ante isto, non queda outra que preguntarse a que veñen esas cumes, esas xuntanzas. Porque, ollo ó dato, eses case 200 países (nesta de Madrid seica estiveron invitados 196 países) traen consigo uns gastos enormes que, por suposto, pagamos todos. Tan só a nós, a España nos custa 86 millóns de euros. Si, alegan que se poderían recuperar uns 17 millóns. E os 69 restantes quen os paga? Ou sexa, que pagamos 69 millóns de euros para que todo siga igual. Porque si, moita convocatoria, moita reunión, moitos estudos, moitos análises, moitos parladoiros, moita visita e moita trapallada para nada. É normal entón que cada vez desconfíe máis destes eventos que duran moitos días e que traen unha morea de seres humanos. Porque hai que programalos e situalos, aloxalos... para nada. Porque non son capaces de poñerse de acordo nin uns nin outros. Porque intentan pasarse a pelota con tal de non admitir algo da súa culpabilidade (hai que recoñecer que todos, absolutamente todos somos algo ou bastante culpables). Despois tamén pasa o de toda a vida: que os que máis problemas poñen sempre, neste caso que nos ocupa, son os que máis contaminan. É igual; para a próxima cume seguirán de invitados para prometer o santo e mais a esmola, e asinar un... acordo de mínimos.

Te puede interesar