Opinión

Acoso oral e imperativo

Non sei onde lin que o xuíz José Antonio Vázquez Taín comentaba que “non toda labazada é violencia, depende da situación”. Estou completamente de acordo. Por certo, a losqueada refírese a darlla a un cativo. A ver, quen máis quen menos, todos sabemos o que é maltrato. Uns sopapos non creo que sexa maltrato. Estábache eu bo… con todos as que me deu a miña nai. E nin naqueles tempos nin agora mesmo considero que me maltratara. É sabido que a súa intención era educar. Para min é moito máis maltrato (psicolóxico) a escena que presenciei hai xa anos no paseo do río Barbaña á altura do Paco Paz: pai e fillo (pequeno) en plan facendo estiramentos, ximnasia, deporte xunto a un banco, e nos poucos metros nos que me crucei con eles (eu ía lendo), chegáronme tres ou catro frases do pai para compadecerme do cativo. Na forma en que intimidaba, en que “achuchaba” nel (oralmente) para ser bo, para ser un crack deportivo. Imaxino a angustia do neno ante os imperativos do pai. Un sopramocos doe nese momento, e punto. Un acoso oral e imperativo ten que ser angustioso. É angustioso.

Te puede interesar