Opinión

Actor de raza

As táboas teatrais son os cementos da interpretación. Frase fetiche de José ou Pepe Sancho, un actor que creceu, e moito, coa idade. Fálase (aínda que é unha noticia incerta) que a súa primeira actuación foi con tan só catro anos nunha película do ano 48 do director Viktor Tourjansky. É igual; é certo que empezou de moi novo e curtiuse nos camiños e nos cafés das vilas e aldeas de toda España, que incluso se atreveu a remarcarlle ó gran Fernando Fernán-Gómez que o que contaba este no filme “El viaje a ninguna parte” xa o coñecera el ata fins dos setenta, co teatro portátil.

José Asunción Martínez Sancho ou o que é o mesmo, Pepe Sancho nacera en Manises o 11 de novembro de 1944 e durante catro décadas deixou un pasado profesional tan inmenso que abarcou os tres grandes escenarios da vida dun actor: teatro, cine e televisión. Por exemplo, nesta participou en numerosos Estudios 1 (naqueles tempos nos que había espazo para o teatro na televisión pública), así como Novela e series como “Curro Jiménez”, na que alcanzou realmente a popularidade co papel de Estudiante, e en “Turno de oficio”. Entre as series máis achegadas (lembrar que morreu o 3 de marzo de 2013) están “Crematorio”, “Cartas a Sorolla”, “Hispania” e “Cuéntame cómo pasó”. Sobre os escenarios participou en máis dun cento de obras de teatro; desde “Medea”, baixo a dirección de Michael Cacoyannis, ata “Enrique IV”, dirixido por José Tamayo (este chegou a dicir que a voz de Pepe Sancho trepaba ata as derradeiras filas do Teatro Romano de Mérida), pasando por “Memorias de Adriano”, de Marguerite Duras, con dirección de Maurizio Scaparro, e “El alcalde de Zalamea”, de Calderón e baixo a batuta de Gustavo Pérez Puig, entre ese cento. A súa traxectoria cinematográfica construíuse sobre máis de 70 películas, entre as que sobresaen “Hable con ella” e “Carne trémula” (pola que acadou un Goya), ambas de Almodóvar; “El Dorado” e “Ay, Carmela”, as dúas tamén de Carlos Saura; e outras baixo a dirección de Berlanga, Barroso, Icíar Bollaín, etc.

Actor de raza que, para el, o teatro érao todo, era o cemento da interpretación. “Se os cementos son bos, podes facer bo cine e boa televisión. O maldito cancro non o deixou ir máis alá dos 68 anos.

Te puede interesar