Opinión

Actor social

Hai xente do cine que nos asombra, non só polo seu traballo cinematográfico, que tamén, senón polo seu traballo social. Houbo un actor español que a principios dos noventa deixou practicamente o cine para marchar a residir a Tarifa (Cádiz), cidade na que impulsou e dirixiu a Aula Municipal de Teatro, coa que lle ensinou teatro a nenos a partir de sete anos e axudoulle a moitos cativos a saír das rúas e de certas situacións de desarraigamento. A súa solidariedade co próximo quedou así mesmo patente co seu traballo coas presas do cárcere de mulleres de Alxeciras. Tal actor respondía ó nome de Tomás Picó.

Fillo dun arquitecto vasco de prestixio, Tomás Picó Hormeño nacera en Cáceres o 16 de xaneiro de 1940 e axiña chamou a atención polo seu físico. Era un home moi aposto. Debutou no teatro madrileño Eslava no ano 1960 para, un ano máis tarde, formar parte da película “Canción de xuventude”, dirixida por Luis Lucía, que tamén foi a que serviu para popularizar como nena prodixio a Rocío Dúrcal. Non obstante, o papel máis celebrado de Tomás Picó foi o de facer de noivo dunha das fillas en toda a saga de “A gran familia” (1962).

Ó longo da súa carreira compartiu escenarios e estudos con actores da categoría de Concha Velasco, Pepe Sacristán ou Emilio Gutiérrez Caba. Durante as décadas dos 60 e 70, Tomás Picó exerceu como actor secundario para o cine comercial e de destape, en títulos como  “Fulaniña e os seus fulanos” (1976), “Eróticos xogos da burguesía” (1977) ou “Cariñosamente infiel” (1980)

Outra faceta deste actor tamén eran as linguas, xa que dominaba perfectamente o inglés, o francés e o italiano. En Italia viviu dez anos e traballou en bastantes películas e incluso algunhas obras de teatro, baixo as ordes do gran Lucca Ronconi.

Tomás Picó faleceu o venres 29 de marzo de 2013 na localidade gaditana a causa dun linfoma contra o que levaba loitando durante catro anos. Esparexeron as súas cinsas pola contorna da praia de Bolonia, en Tarifa, un recanto que el sempre considerou “un paraíso”.

Te puede interesar