Opinión

Unha actriz irrepetible

Na última columna cinematográfica deixaba a Katharine Hepburn navegando augas abaixo co mítico Humphrey Bogart nesa barca que se chamaba como a gran película que foi: “A Raíña de África”. Pois ben, a Hepburn seguiunos deleitando con “Adiviña quen vén esta noite” (1967), actuando á beira de Spencer Tracy, dos que creo que xa dixen que mantiveran unha tormentosa relación ata a propia morte do actor, xusto unhas semanas despois de acabar esta rodaxe, que era a derradeira das oito que fixeran xuntos. Spencer Tracy nunca quixo divorciarse da súa muller.

En 1981, Katharine Hepburn saíu do seu semiretiro para interpretar xunto a Henry Fonda “No estanque dourado”, que, por certo, a película se tiña algo era grazas ás interpretacións destes dous velliños que con só a súa presenza xa enchían a pantalla. Henry Fonda morrería pouco despois. Non obstante, a Hepburn aínda fixo unha pequena aparición en 1994 no filme “Un asunto de amor”, un drama romántico para o lucimento de Warren Beatty e Annette Bening.

Á protagonista desta columna a maioría da xente coñécea porque ganou catro Oscars, polo seu romance con Tracy e por ese aspecto de atleta capaz de destacar en calquera papel. E destacaba porque tiña un talento descomunal e porque era unha actriz excepcional. Iso si, empeñada en vivir contra Hollywood. Era dura de roer. Na súa época dourada, que abarcou máis ou menos de 1938 a 1957, facía e desfacía ó seu antollo. Cóntase que poucas actrices na historia do cine puideron presumir de cabrear a tantos sen medo ás consecuencias. Tamén di o periodista Toni García que era unha actriz que tiña ángulos en lugar de curvas e cuxa carreira construíuse a base de pico e pala. Ou sexa, unha actriz irrepetible.

Desde os seus inicios, polos teatros de Broadway, xa se empeñaba en aparecer sen maquillaxe, falar como lle saía de dentro e vestir como lle daba a gana. Pois aínda así, sen casar con toda esa carallada de Hollywood, acadou como xa dixemos, nada menos que catro Oscars, que non se conseguen da noite para a mañá. Ela soa merendábase a auténticos monstros chamados Grant, Bogart, Stewart e os que se lle puxesen por diante. Xa a chamaban a Gran Kate.

Te puede interesar