Opinión

Afogado nunha canle

Opinión

Afogado nunha canle

Viaxar de noite é case coma andar ós toupos. Pódeste perder. E máis por eses carreiros e camiños que había a principios do século pasado. Que foi o que lle aconteceu a Pedro Vázquez Carballo, natural e veciño de Vilameá, no concello de Baños de Molgas. O día 16 de xaneiro de 1926 marchou cara á Ourense, andando, polo camiño que vai polo Alto do Cumial coa intención de cobrar unha pensión. Non sabemos se regresou ese mesmo día ou o fixo dous ou tres máis tarde. O que si sabemos é que o 19 uns veciños dunha aldea de Xunqueira de Ambía atopárono afogado nunha canle que abastece de auga a uns muíños nas inmediacións do río Arnoia. Debido á escuridade da noite, semella que se perdeu e que se despenou por un terraplén. Algúns xa farán voar a súa imaxinación e a fantasía pode mandalos polo camiño do homicidio, do asasinato; polo asunto ese da pensión, xa que o homiño presentaba feridas na rexión occipital e lesións por diversas partes do corpo. Non obstante, e feitos os correspondentes exames médicos, chegouse á conclusión de que a morte producírase a consecuencia de “asfixia por submersión”. A maiores de que, nun dos seus petos, apareceron 29,30 pesetas. Moitos cartos naquela época como para deixalos no suposto de que se cometese homicidio.