Opinión

Afogar nun vaso de auga

Levo uns días nos que quero afogar nun vaso de auga. Non sei como facer. Porque non teño forma de meter, en conxunto, a boca e o nariz. Non me entran. É certo que mellor sería meter a cabeza enteira e que alguén calcara nela, polo medo ese de, ante o derradeiro suspiro, dar marcha atrás. Pero se non consigo introducir a boca e o nariz, menos darei con toda a cabeza, que, por certo, tampouco é pequena. Polo de cabezón, se entende.

Doulle vinte voltas ó vaso. Con auga e sen auga. Nada, non vexo a solución. Collo un vaso deses de tubo e moito menos; incluso é máis estreito. Probo retorcendo a cabeza de todas as formas habidas e por haber. Tampouco. Fago desas monadas ou carantoñas raras que lles realizamos ós cativos para facelos rir, e aínda que semella que estreito os beizos e que achato o nariz, o problema vexo que está nos ósos, nos dous maxilares. Estes non encollen.

Empezo a desesperar un pouco. Que queredes, faime ilusión afogar nun vaso de auga. Sería un deses suicidios planeados, pero ben deseñados (e tanto, que mato a cabeza buscando a opción, a forma e non hai maneira). Afogar a causa dun sedeño que se atou nunha trabe ou tirarse ó río Arnoia á altura do Pozo Fondo non ten ciencia ningunha. Sería un suicidio normal e corrente. Dirían: cruzáronselle os cables, e punto. Eu quero que digan: pois mira que o planeou ben. Por iso sigo buscando a forma de afogar nun vaso de auga. En principio, ergo o vaso e míroo de novo a contraluz, a ver se... Segue sen haber maneira. Mais non desespero.

Te puede interesar