Opinión

Agardando pola perla negra

Non habendo unha boa película na televisión nin tan sequera unha que entreteña moito, como é norma ultimamente, non queda outra que escribir. Para matar o tempo. Para pasar a noite. Para agardar un desexo. Para esperar un soño. Ou para agardar pola Perla Negra de Jack Sparrow, por exemplo. Tamén é verdade que a Perla Negra é imposible que asome pola Finca Fierro. Pero que todo sexa pola inventiva ou pola pallasada de escribir algo. Son as dez e media da noite, dunha noite nubrada pero con bochorno, medio negra pero chea de quietude. Mentres escribo escoito música e fochico polas redes sociais. Son un home moi ocupado. Ultimamente non me chegan as horas. Claro que tamén é verdade que non madrugo moito, que perdo polo menos dúas pola mañá. E un dúas horas faise moito. Moito. Por facer, ás veces, ata se fai en dous simples segundos. Xa sabedes, chega unha mirada para dicir: aquí se acabou o mundo, ou tira cara á adiante. En dous segundos pódenche dar unha labazada ou un bico. A labazada doe, mentres que o bico... ai o bico; o bico pode transportarte ó sétimo ceo. Eu só vexo un ceo, pero... se hai ese dito, por que non o vou usar. Demostrado: aquí cada tolo coa súa teima ou tamén cada un frite na súa manteiga. Sempre hai expresións para dar e tomar. E como me sinto Jack Sparrow, collo a Perla Negra e navego por entre os piñeiros dos Castros, por exemplo. Por se aquel, non me baixo do barco, que igual hai mouros pola costa ou o que é o mesmo, zocas alleas. Así é que, quietiño parado e a seguir soñando. Que bonito!

Te puede interesar