Opinión

Algo de todo

Levo polo menos sete anos, sete edicións sen asistir á sección das curtametraxes que todos os anos se presenta no Festival de Cine de Ourense. Acabo de ver unha sección, a correspondente ó bloque I. Porque, hoxe, sinceramente, non me apetecía moito meterme nunha sala e que non me gustara a película. Claro que me metín igual nunha sala, pero sei que as curtas fanse máis amenas; hai un espazo aí, entre curta e curta, que desconectas un chisco e que, aínda que non che guste unha, ó mellor a seguinte si é boa. Un pensamento moi... demasiado positivo. Porque as curtas de hoxe... hai algo de todo. Pero incluso as que máis me gustaron non acabaron “por encherme”.

“Lonxe”, de Alejandro Rodríguez. Tres minutos tan só, pero suficientes para contarnos como chega o tren para que unha moza, quizais coa soidade rabuñándolle a alma, lle diga adeus a parte da súa vida e inicie un novo periplo lonxe dos seus recordos. Da curtametraxe “Wonderful People”, dirixida por David Tembleque e Luc Knowles, escollo o personaxe de Pedro Brandariz soñando as súas fantasías polas redes sociais. Porque fóra disto, a realidade pérdese por entre os minutos nocturnos.

A curta “Baleiro”, de Miguel Gómez Abad, dos 11 minutos que dura, xa no terceiro ou cuarto minuto cansa. Xa che dá igual o que estea a suceder no lugar no que están encerradas dúas rapazas. Teñen os seus medos e, non obstante, nin sentes angustia nin sentes terror. “C.O.D.A”, do canario Veru Rodríguez pero residente en A Estrada, intenta amosar o acaso escolar a través dunha nena por ser filla de pais xordos, ó mesmo tempo que lle bota unha ollada á temática da discapacidade.

A curta “Estatus”, de Ricardo Araújo, deume a sensación de que moi ben podía dar para unha longametraxe, na que unha familia poderosa vese na obriga de tomar unha decisión que pode marcar o seu legado. E tanto. Despois, para máis aquel, está dona Laura Ponte. Foi a que máis me gustou. “Siglo XXI”, reflexión crítica e irónica sobre o machismo. E das tres que me quedan: “Limbo”, “Feminazi” e “Mouras”, gustoume a de Diana López Varela, é dicir “Feminazi”.

Te puede interesar