Opinión

ALGO SEMPRE PASA

Pasan os días e non pasa nada. Cando o sábado saía da aldea da muller comenteille a esta que me doía a cabeza porque non sabía que escribir para este Recuncho. “Vaia por Deus”, comentou en ton burlón, “di que pasan os días e non pasa nada”. Pois a condenada case ten razón. Porque levamos tres meses que pasan os días e non pasa nada. Porque o que pasa é sempre o mesmo. O coronavirus semella que chegou para instalarse polos séculos dos séculos. Menos en Galicia, claro. En Galicia temos máis sentidiño e vencémolo antes que en calquera outro punto de España. Somos así de agudos. Hoxe, definitivamente, remataron os “encontros na terceira fase”. A película de Spielberg empeza a quedar tamén para o recordo.

Pasan os días e non pasa nada. É frase da muller. Pero pasar... pasar sempre pasa algo. Ata nos propios periódicos. Dun tempiño para acá xa empezan a informar doutras novas que ía dicir que estiveran acochadas, pero non, porque a realidade é que ata os propios “atravesados” non se espallaron moito, non. Estou a referirme a eses asaltantes, ladróns, kamikazes, etc. Que durante a pandemia, os delitos diminuíron. E duns días para acá, segundo as fases, claro está, empezaron de novo a facer xa das súas. Aumentan os roubos, aumentan os accidentes, crece o demo que levamos dentro. Empezamos a relaxarnos.

Pasan os días e non pasa nada. Algo sempre pasa. E menos mal que eu souben escapar a tempo. Porque ós viticultores tamén lles vai pasar algo. Agricultura vainos obrigar a producir menos uva este ano por culpa do bicho. Eramos poucos e pariu a avoa. Xa os pobres teñen a desgraza das pragas, como para aguantar agora a pandemia do coronavirus, ou da insensatez dalgúns gobernantes. Esta si é a peor pandemia. Menos mal que escapei a tempo.

Pasan os días e non pasa nada. A muller non pensou ben. Non pensou no fútbol. Porque xa temos fútbol! Xa podemos berrar nos bares. Xa podemos insultarnos. E choutar. E rir. E chorar. Para que despois digan que o fútbol é unha carallada. É o mellor psicólogo das emocións! Pero tanto neste deporte como na vida en xeral, agora mesmo e máis que nunca: moito sentidiño.

Te puede interesar