Opinión

Algúns temos o demo dentro

Calquera noticia importante, ou moi importante, que asomase a semana pasada en calquera medio de comunicación é auga de bacallau en comparación co acontecido o venres pasado en Moraña, na provincia de Pontevedra. O pai que matou ás súas fillas de catro e nove anos cunha serra radial e por vinganza á súa ex muller impresiona de tal maneira que bota por terra todo o acontecido en Galicia ata ese momento. En ocasións ata se pode opinar que ós parricidas cruzáronselles os cables para realizar esas masacres. Pero a este de Moraña, e se é verdade que lle deixou unha carta escrita á súa ex contando o que ía facer, xa non se lle pode buscar un motivo ou un arrinque de loucura porque o tío planeouno xa de antemán. Entón, a este nin se lle cruzaron os cables nin se volveu louco de repente; simplemente que tiña o sangue envelenado ou era xa un espírito maligno en si. O nome de asasino quédalle curto. Non me estraña que polas pantallas televisivas asomasen rostros de persoas (a alcaldesa incluída) cheos de bágoas, porque a noticia emociona a calquera que teña un chisco de corazón, e con maior motivo se as vítimas son cativos. Imaxino que agora andarán os psicólogos e xuíces e demais estudosos da personalidade humana buscando un motivo para tal parricidio, cando eu creo perfectamente o motivo do pai: vinganza, simplemente vinganza. E deu onde máis doe: nos fillos, e para máis aquel, cativiños. Dígoo unha vez máis algúns temos o demo dentro.

Te puede interesar