Opinión

Amansando a rebeldía

Nove da noite. Contemplo o ordenador e penso. Pero non sei que pensar. Quizais na banda sonora de “O caso Slevin” ou no ruxerruxe do alieníxena que aterrou nas Mestras. Penso que a sociedade vai de aquí para alá porque, recoñezámolo, somos coma monicreques que nos deixamos influenciar, coma monifates porque berramos cando nos din que berremos, coma fantoches porque nos quedamos quietos. Quietos ante as adversidades, ante as inxustizas, ante a ignominia, ante a iniquidade. Penso que estou rebelde hoxe. Non sempre é bo ser coma un boi de machado. Ás veces cómpre ser codia de pan. Nove e cuarto da noite. Contemplo toda a trapallada que teño sobre a mesa e penso que, ó mesmo tempo, fago moitas máis cousas que escribir. Por exemplo, intento domar, amansar a rebeldía que me asoma de cando en vez para estudar a forma de comunicarme, con parsimonia e sen malos feitos, co alieníxena das Mestras. Si, creo que a mellor solución vai estar en preparar un bo discurso para lanzarllo a semana que vén desde o alto dunha das mesas do merendeiro. Tamén estudo a opción de levar un tocadiscos para poñerlle a Guadi Galego, por exemplo, ou a Bruce Springsteen. Ata lle podo deixar caer un cacho dunha habanera da Coral Ansuíña de Baños de Molgas. A ver, xa que o asunto se vai desenvolver nas Mestras, que menos. Nove e media da noite. Deixo de pensar.

Te puede interesar