Opinión

Amante da libertade

Lembra Luis García Berlanga que para os mozos que empezaban a introducirse na difícil arte de facer cine alá polos anos corenta, o director francés René Clair era o gran modelo que todos querían imitar, o espello no que desexaban mirar. É que neses momentos era, case sen dúbida, o director máis prestixioso do mundo. O seu talento para a comedia fíxoo triunfar mesmo nos Estados Unidos, con películas tan inesquecibles como La llama de Nueva Orleans, coa inmensa Marlene Dietrich, ou Me casé con una bruja, coa non menos impresionante Veronica Lake. Nesa época volveu a Francia para empezar unha nova etapa, na que as súas obras empezarían a ser maltratadas, sen obter o éxito que merecían.

René Clair, con Berlanga, mantivo unha gran amizade durante toda a vida, incluso para dirixir xuntos en 1936 unha película de sketches: Las cuatro verdades. O seu episodio de Los pichones sería precisamente o derradeiro que rodaría na súa vida. E xuntos tamén pasaron un mal trago cando coincidiron, como xurados, no Festival de Venecia. Resulta que tiveron que escoitar a maior pitada que xamais se realizou nun festival... porque non lle deran o premio a Rocco y sus hermanos.

Por eses anos perdera parte da súa explosiva vitalidade. Os críticos da mítica Cahiers du Cinema (a biblia das publicacións cinematográficas) defenestrárono con crueis ataques á súa obra. De ser o mellor director do mundo seica pasou a ser un farsante melindroso. Co paso do tempo demostrouse que foi unha grave inxustiza, típico expoñente dos absurdos ciclos de opinións, que tan axiña gaban ou enxalzan como funden ó máis pintado. É deber de calquera persoa que ame o cine reivindicar a este inmenso director francés, un home amante da liberdade, que mostrou como ninguén os fíos macabros das estruturas sociais.

René Clair nacera en París o día de san Martiño de 1898. En 1917 serviu na Primeira Guerra Mundial como condutor de ambulancias. Un ano máis tarde iniciaríase como periodista e tamén como escritor de cancións, principalmente para Damia, unha célebre cantante francesa desa época. Empezou a dirixir películas en 1923 ata 1965. Despois dedicouse a escribir e a realizar algunha que outra obra teatral. Morreu o 15 de marzo de 1981, ós 82 anos.

Te puede interesar