Opinión

Analizando o vivir

Suspiro porque recordo. Xemo porque me angustio. Asubío porque me alegro. Chouto porque non estou quieto. Bailo porque escoito música. Impo porque collo o frío. Todo pasa, todo ocorre. A nube branca avanza. A lúa vella sorrí e chíscame o ollo esquerdo. Moitas veces é complicado analizar a memoria que aniña na subconsciencia. Os que temos conciencia. Porque hai moitos que non teñen ningún raciocinio. Pecho os ollos porque durmo ou porque penso, vexo, debuxo, imaxino ou soño mellor. A vida é un asunto moi serio, tanto no plan nocturno coma no diúrno, ou sexa, durmidos ou espertos. A vida pode ser un cero á esquerda coma unha barra de pantrigo. A vida é ese suspiro que lanzamos cando o guión nos leva polo camiño recto. Despois, sempre hai xente que di que chove onde hai sol, ou que hai sol onde non se ve un burro a tres pasos por culpa da néboa. Din que de todo hai na viña do Señor. Malnacidos tamén. E moitos. Patexo porque sigo o ritmo da música e moneo a cabeza para así soñar cun verme luceiro. Ese vagalume que me ensina o camiño para que evite a eses malnacidos que tan só saben poñer atrancos. Xemo neste momento dado, neste no que a noite asoma pola fiestra da esperanza. Asubío para afogar as penas e chouto do río para que non aprendan a nadar. Bailo para anunciar que ningún impo será quen de que freemos a esperanza dun mañá. Agora, con máis calma, analizo o vivir dun degoiro, dunha ilusión. Porque a vida é un suspiro.

Te puede interesar