Opinión

Andar por andar

Camiño pola beirarrúa esquerda dunha rúa calquera para chegar a unha meta que me puxen cando saín. Aínda que, a verdade, non sei cando chegará esa meta. Son dos que ando por andar. E dá igual que sexa por entre carreiros cheos de toxos coma se é por pontes colgantes. Tampouco me importaría andar polas veas abertas dun berro que esgaza un sentimento. Hai sentimentos que doen, e polos que se berra. Hai berros que rebentan e que non din nada. Camiño por entre as estrofas dunha canción de Sabina e pérdome na procura dunha sensación. Entendo que ás veces non é fácil camiñar. Por moito que me guste andar. Andar por andar tamén ten o seu aquel. Andas pola beirarrúa esquerda cando, ó mellor, pola dereita hai unha sombra que alivia. Non obstante, as sensacións ou as opcións vólvense tortas e non lle fan caso ós meus pensamentos. Aínda que, eu, ben sei por que. Non é fácil andar por andar, mais eu tiro para adiante con tal de chegar a esa meta que aínda non marquei. Pode ser á volta daquela curva ou pode ser ós dous pasos. Son moi libre de poñerme metas. Incluso podo poñer as máis fáciles. Non lle teño que demostrar nada a ninguén. A miña meta póñoa eu nun punto concreto porque, xusto aí, me deteño, miro para un lado, miro para o outro, berro cheguei e xa está. Hoxe tocou andar por andar. Nada máis.

Te puede interesar