Opinión

O ANIMAL QUE LEVO DENTRO

Sento como o animal que levo dentro cabalga polas entrañas da miña alma. Sento como o lobo que está en min oulea coa emoción de certos momentos. Porque hai momentos que van máis alá do tempo e hai animais que se pegan ó pensamento. Son as catro da tarde e contemplo como o sol penetra por entre as cortinas da ventá. Será por pouco tempo, porque o día non está de quero; por veces chove e por veces está negro... como o entendemento. Non entendo que fai un home intentando imitar o ouleo dun lobo ou deixar que un cabalo cabalgue polos carreiros dun desconsolo.

Sento como a carraxe agacha a cabeza ante a bondade que aniña no meu ollo esquerdo. Este sempre intentou ver e analizar o sentidiño dun simple encontro. Sempre quixo mirar con calma e parsimonia a forma do acordeón da vida, esa que se estira e se encolle ante os instantes que pasan por diante de nós; unhas veces coma un libro aberto e outras nas que hai que abrir unha xaneliña para poder axexar o futuro.

Sento como pasa o tempo e as palabras que se dixeron quedaron aí colgadas para que, un servidor, con certa pachorra, as vaia plasmando nun papel en branco para, co tempo, facer memoria e soñar co encontro, co momento. E xa pode quedar todo en silencio ou rebentar o mundo por culpa dun estoupido que o animal que levo dentro está durmido. Este sabe perfectamente que soñar sempre foi bonito, moi bonito.

Te puede interesar