Opinión

Aproveitando que era domingo

Por unha vez e desde hai moito tempo, a climatoloxía non ameazaba chuvia. Así é que Dafne Coroada Loureiro, aproveitando que era domingo, díxolle ó seu home, Obdulio Servo Criado, que por que non ían a aquela fervenza que lles gustara moito hai xa moitos anos. A cal, oh?, quixo saber Obdulio, aínda que el ben sabía a cal se refería, porque comentaran máis dunha vez o de ir alá. A aquela que está... que está... que está lonxe, alá por onda Verín. Obdulio Servo Criado sabía que se refería á fervenza da Cidadella, no concello de Vilardevós.

Como queiras. Porque os homes sempre teñen que facer o que digan as mulleres, por moito aquel dos pantalóns na casa. Tan axiña como acabaron de xantar, e logo de lles dicir ós rapaces se querían ir de excursión, ó que se negaron, claro está, Dafne e Obdulio colleron o Pancracio e déronlle marcha ó motor. Polo camiño, música. Á volta, tocaría fútbol. Quen leva os pantalóns no coche! Ó pouco de pasar Soutochao axiña deixaron ó Pancracio para que descansase e para que non molestase e, eles os dous, dedicáronse a ver unha das maiores fermosuras que ten a provincia de Ourense. Fotos. Vídeos. Paseos. Exclamacións de asombro ante a catarata e, ale, volta para a casa.

Te puede interesar