Opinión

As albardas dos burros

Non temos perspectiva de futuro. Vivimos estancados no pasado. Resulta que a día de hoxe, algo máis do 45% dos votantes españois aínda non sabe a que grupo político lle vai dar o seu voto. Que esperan... a que os convenzan? É que me parto de risa! O que van predicar uns e outros xa o sabemos todos. Aquel que dubida dun partido ou outro... malo!, creo que é porque lle dá igual unha cousa coma outra. Vivimos amorfos no pasado e apandamos con todo o que nos cargan encima. Somos as albardas dos burros. Rimos as grazas dunha comitiva nunha inauguración, por exemplo. Un corta a cinta e unha ducia de pasmóns aplauden como un pobre obreiro deixa caer unha pada de terra. Rimos a mofa que se desenvolve moitas veces no Congreso. Ou no Senado. Presúmese que nos están representando. Ben dito: presúmese. Do dito ó feito vai un treito. Case a metade dos españois dubidamos en darlle o voto a aquel que dorme nos plenos, ou a aquel que cobra axudas de custo por desprazamento tendo casa en Madrid, ou a aquel que arremeda contra os escotes e as faldras das mulleres, ou a aquel que confesa que a sanidade non está tan mal e que a educación vai vento en popa. Votaremos tan mal que non queda outra que seguir sendo as albardas dos burros.

Te puede interesar