Opinión

As sete vidas dos gatos

Sete vidas ten un gato. Non sei, non sei. Por en canto, asoman mortos máis dos que se quixera polas estradas galegas. Penso que, estatisticamente, é o primeiro ser vivo que atopa o seu final en atropelos. Despois creo que lle segue o ourizo. E por que non digo ourizo cacheiro? É máis bonito. A min o de cacheiro encántame. E xa postos, se me refiro a nomes, temos cada cousiña: bolboreta, papoia. E que me dicides da papuxiña ou xoaniña. A ver!, xoaniña está ben; pero onde estea a papuxiña! "Papuxiña de Dios, cóntame os dedos e vaite con Dios". Quietos parados!; acabo de descubrir os nomes do vagalume, ó que nós lle chamamos verme luceiro. Aí van, é unha morea deles e algún máis: bicho carozo, bicho da luz, bicho de alumar, bicho do lume, bicho sen cú, ciroque, corcoño, coroceiro, luceiro, lucencú, lucerna, pirilampo, vella do caldo, vella dos valados, vella facendo as papas, vella facendo o caldo, vella sen dentes, verme canteiro, verme carpinteiro, verme da luz, verme da noite. Mira ti!, a onde nos levaron as sete vidas dos gatos.

Te puede interesar