Opinión

Asalto con malleira

Xa teño contado que, antigamente, ir ás feiras tiña a súa aventura, as súas apuradas e os seus medos por culpa dos ladróns, ós que sempre lles é máis fácil apoderarse do alleo sen suar moito que rompendo o lombo. Tamén é verdade que o ladroízo non se levaba a cabo tan só nos días de feira. Chegaba un día calquera no que alguén soubese que andabas con cartos, para esperarte en algún recanto de calquera camiño. Aí estivo o caso de Jacinto Lamas Cid, un veciño de Presqueira, en Baños de Molgas, de 34 anos de idade, que, a primeiros de abril de 1965, dirixiuse ó concello de Taboadela con nove mil pesetas nos seus petos para mercar un becerro.

Non tardou en ter a súa aventura, a súa apurada e o seu medo. Un home agarrouno e abrazouno por detrás para darlle axiña a orde de que “soltara a pita”. O Jacinto, claro, pensando que a un ladrón podía facerlle fronte, non tardou en resistirse. Non tardou en desistir. Porque apareceron dous individuos máis que non andaron con lerias, con voltas e reviravoltas, ou sexa, que lle zouparon na cara, no abdome e no estómago ata que o deixaron medio inconsciente.

Cando xa se recuperou algo, e por moito que vise a carteira no chan, soubo ó momento que as nove mil pesetas voaran. A carraxe inchoulle e molloulle os ollos porque... nin becerro nin cartos. Desde alí mesmo marchou a Maceda a denunciar os feitos ante a Garda Civil.

Te puede interesar