Opinión

Asomo á ventá

Asomo á ventá e vexo como pasa o tempo pola beirarrúa de enfronte. Tamén pasa algún que outro coche e paxaros que voan na procura dunha ilusión. Miro para unha nube branca e penso que por detrás ten que estar unha quimera intentando viaxar a un planeta calquera. Asomo á ventá e vexo como se moven as follas dun carballo, que leva aí desde que o mundo xirou sobre a punta dunha aflición. Non sempre a felicidade se deita sobre a almofada dun pensamento. Ou dun soño. Na rúa, unhas palabras de certas persoas ensartan ou conectan unhas frases cheas de dúbidas ou faltas de convencemento. A dúbida é a desconfianza dunha acción. Ó mellor é o medo ou o temor. Asomo á ventá e deixo caer sobre os edificios lindeiros unha ollada que nin eu mesmo sei se é transparente, diáfana ou opaca. Non sempre unha mirada vale máis que mil palabras. Hai olladas que quedan fixas no infinito e non ven nada. Por iso moitas veces somos cegos ante certas circunstancias. E no hai heroe que valla cando as adversidades de certos sentimentos quedan simplemente pegados no reflexo do cristal, do cristal da ventá. Asomo á ventá, a esta ventá e para non esbardallar, para non latricar máis, deixo tan só que a vida pase. Así de sinxelo. Así de doado.

Te puede interesar