Opinión

Así somos e así seremos

En Madrid, a política está que arde, que bota lume por culpa do coronavirus. Eu vivo en Barbadás, que, politicamente, tampouco se queda atrás a causa das restricións que nos marcaron en conxunción coa cidade de Ourense. Aínda que, eu tamén vexo moitas chispas entre os paisanos de a pé. Pero, xa se sabe, nisto, coma no fútbol e coma en todo sempre temos cousas que dicir e sempre cremos que levamos a razón. Por iso moitas veces, a maioría das veces pasamos pola pedra as normas que nos ditan. Despois sempre hai a opción de botarlle a culpa ó Goberno, a calquera Goberno. Eu entendo que boten chispas os da hostalaría, por exemplo, ou outros negocios ós que as limitacións os van facer case pechar ou pechar de todo; pero non entendo que un paisano se alporice porque non atopa mesa nunha terraza (outro exemplo) para tomar un café. Non lle entra na cabeza que Ourense, hoxe mesmo, supere o pico da primeira ola, cando o normal sería que cada vez baixase máis.

Iso tamén demostra que algo se está a facer mal. E aquí inclúo a todos: Goberno, comunidades autónomas e paisanos de a pé. Somos uns irresponsables. Vivimos tan só para a nosa comenencia. O sábado mesmo, nunha terraza da Valenzá na que si había sitio (se non o houbese ó mellor tamén botaba pestes, non son mellor cós demais), un paisano xactábase dicindo que el non tiña problemas para saír dos confinamentos de Ourense e Barbadás grazas ó seu furgón. Entendín que o furgón pertencería á empresa na que traballa, e como por asuntos de traballo deixan desprazarse, pois el poderá andar como o cura pola igrexa ou como Xan polo outeiro. Incluso acabou rematando a faena, coma un auténtico toureiro, ofrecéndose a un amigo a levalo a onde quería ir (polo que contaba era fóra destes dous concellos). Claro, como tiña o furgón... E casos coma o deste hai a montóns. Xa vimos a semana pasada como moitos paisanos de Ourense se desprazaron a Barbadás, Allariz, O Pereiro de Aguiar e demais concellos da contorna para tomar un café ou unhas copas, para divertirse, ou sexa, para foder ós demais. Cando nos contaxiemos a culpa será do Goberno e dalgunha Comunidade Autónoma porque non tomou as correspondentes medidas. Así somos e así seremos.

Te puede interesar