Opinión

Asubiar en branco e negro

Sinto que se me vai a vida cada vez que intúo que a nostalxia dun tempo que foi queda atascada no bulleiro dunha eternidade que vai moito máis alá do eterno. Quero deitar sobre unha nube de algodón para esquivar o correr dos estraños que se queren facer amigos. Todos sabemos que hai, que existen amizades interesadas. Sinto que me quedo quieto aínda que estea correndo, porque hai sensacións que quedan ó albedrío dun pensamento. E penso que non me movo. Chamo pola idiosincrasia dunha lingua que se sente atacada pero que eu defendo, se fai falta, a golpe de espada. Ó mesmo tempo escoito o “dáme lume” de Fuxan os Ventos. Sinto que me puxeron atrancos para que pegase a volta e non alcanzase a meta, pero souben agatuñar polos penedos de granito e choutar de galla en galla... de carballo.

Tamén é verdade que non son quen para crerme algo máis que alguén, pero amola moitas veces que che intenten facer a cambadela. E hainos que queren poñer puntos onde simplemente van comas. Sinto que se me pega a melancolía a cada latexo de corazón que estoura, que rebenta por un asubío lingüístico que algúns queren desentoar a base de golpe de metal. Pero hai asubíos que deixan ritmos de cor. Sempre me gustou asubiar aínda que fose ou aínda que sexa en branco e negro.

Te puede interesar