Opinión

Asubíos a media tarde

Nunca pensei que fose eu o receptor do asubío que alguén me lanzou  á media tarde desde o Outeiro Barbeiro. Eu ben oín un son agudo e non moi longo, pero pensei que chamaban por algún can. Volveron asubiar e apreciei ó momento que era unha chamada para un ser humano. Tiña que ser para min porque era o único que andaba por Detrás das Poulas. Por moito que outeei o horizonte non souben quen me chamaba. Eu tamén contestei varias veces, logo de meter os dous dedos maimiños na boca (tamén sei asubiar cos outros, pero cos pequeniños asubío máis forte), mais non houbo resposta. Volvín asubiar logo dun tempo; o que me deu marxe para intuír e saber que alguén estaba a mofarse de min. Isto dáme moita carraxe, porque eu, precisamente eu, nunca me metín e nunca me meto con ninguén. O meu lema sempre foi o de “non facer nunca o que non queiras que che fagan”; máis en referencia ó tema dos abusos (agora chamámoslle bullying, unha palabra estranxeira para presumir de que temos mundo). Media hora antes de marchar para a casa seguía ese alguén dálle que dálle ós asubíos; aínda que, agora, xa non os contestaba, xa non lles facía caso. O que fixen foi lanzarlle o berro de “bícame no cu que teño paxariños”. Pola distancia eu ben sabía que me oiría. A proba é que ese alguén non volveu asubiar. Empecei a tanguer as vacas e marchei para a casa.

Te puede interesar