Opinión

Ata que chegou a súa hora

Ata que chegou a súa hora, o home fixo tempo dando voltas sen parar por entre as carballeiras da ladeira norte da montaña. A montaña quedaba moi alá, moito máis alá de onde alcanzaba a miña vista. Son algo toupeiro, pero eu ben sabía que o home andaba perdido. A hora do home era aquela na que el tiña que asomar pola Aira de Arriba de Baños de Molgas. Mais, visto o visto, non sei eu se asomaría algún día. Xa digo que andaba perdido pola ladeira norte da montaña que non se vía.

O home era hora home porque eu mesmo sabía que era macho, pois a dicir verdade, case merecía un insulto a súa actitude. Mirabas para el e non te miraba. Falabas con el e non che falaba. Iso nin era home nin tan sequera era un cero á esquerda. Non era nada. Porque o de andar perdido nesa montaña que non se vía debeuse a unha estupidez súa: que se apartou tan só vinte metros da Aira de Arriba de Baños de Molgas, onde tiña que asomar nesa hora en concreto, e o moi pasmón xa se perdeu. A tan só vinte metros xa se perdeu! Agora daba voltas coma un somnámbulo pola ladeira norte da montaña que estaba moi alá.

Ata que chegou a súa hora, o home que non era home nin era nada, e canso xa de dar voltas coma un sarillo, sentou encima dunhas xestas (porque non se lle deu por sentarse enriba duns toxos) e botouse a chorar. Cando se quedou sen bágoas seguiu dando voltas coa intención de asomar pola Aira de Arriba de Baños de Molgas. Eu abaneo coa cabeza porque me dá a min que... que Deus o teña da súa man.

Te puede interesar