Opinión

Atacando, que é xerundio

Atacar. Todo consiste en atacar. E non falo nin de fútbol nin de baloncesto. Atacar con balas, con bombas, con armas, con algo que faga dano, que mate. O caso é que mate. Aínda que sexan inocentes. Estados Unidos ataca a calquera país porque si, porque se sente poderoso e porque non quere que lle rosmen. Rusia ataca porque ataca Estados Unidos.

Agora a Unión Europea quere atacar os barcos das mafias en Libia. O das mafias non está mal, pero, quéirase que non, sempre hai danos colaterais, mortes inocentes. Para atacar precísase dun despregamento enorme, tanto de homes como de máquinas, o que supón un gasto impresionante. Non sei canto, pero meto a man no lume defendendo que con ese gasto os inmigrantes ilegais deixarían de ser inmigrantes.

Se ese gasto o empregasen en postos de traballo en África, seguro que non habería que atacar ningún barco. Os espectadores, xogadores e adestradores atacan ós árbitros. Os políticos atácanse uns a outros; sen armas, pero deixan feridas que as pagamos todos. Máis danos colaterais. Sinceramente, levamos a maldade dentro. Ataca, animal!

Te puede interesar