Opinión

Auténtica escola de sentimientos

Entendo a aquelas persoas que non lles guste o fútbol. Pero non asimilo nada ben a típica crítica de “22 tíos correndo detrás dun balón”. A estes críticos se lle preguntas se é necesario facer deporte, exclámanche cun “homeeee, é bo e necesario”. O fútbol é un deporte. O mesmo que o footing, que máis ou menos consiste en correr para adiante, é dicir,  cara á nada. Uns corren detrás dun balón e outros coma un galo sen cabeza. Os “cultos” e “intelectuais” critícano polo de “deporte de masas” e dando a entender que a masa é amorfa. Pero eu o outro día, un día calquera, vendo no café O Chicote da Valenzá un partido, tamén un partido calquera, chegáronme os primeiros quince minutos para saber cómo é realmente unha persoa.

Auténtica escola de sentimentos. Non esaxero se digo que o fútbol vai máis alá dun simple xogo de pelota. Con respecto ó propio deporte, ós xogadores, é toda unha escola de valores e tamén de falsidades, de heroicidades e tamén de maldades, de acertos e tamén de erros. Con respecto ó público, ós afeccionados, é máis ca unha escola e ca un deporte, é unha paixón que desata instintos e amizades, pelexas e abrazos. E a min, como masa, non me evita gozar dun museo, “flipar” cunha obra de teatro, ler libros e máis libros, e ter a música metida no cerebro por medio duns auriculares durante moitas horas. Gústanme todas as artes pero non me considero nin culto nin intelectual. Ó mellor é por iso polo que me gusta tanto o fútbol.

Te puede interesar