Opinión

“Avatar: O sentido da auga”: Desastre total

Hai que cumprir co que se promete. A semana pasada prometín que hoxe falaría de “Avatar: O sentido da auga” (2022). A iso vou, e iso que, a verdade, case non merece que perda tempo escribindo sobre un filme que, fóra do seu espectáculo visual (que o é), non ten nada máis. É que nada máis.

En principio, con tanta auga de Deus, houbo un momento no que pensei que afogaba (ós dous ou tres días vin un documental sobre os fondos mariños e non me pasou tal cousa; é máis, gocei coma un anano; pero coa película de James Cameron, ufff, que calvario, que sensación de afogo). Despois, é unha zarangallada narrativa moi difícil de explicar, con diálogos que semellan de parvulario e de moi escasa substancia. Logo, para máis aquel, a miña Sigourney Weaver case non aparece. E xa para rematar, a extensión do filme: 192 minutos, máis de tres horas soportando esa incomodidade, ese afogo e ese 3D que me fixo estar incómodo durante toda a proxección.

Nin punto de comparación co primeiro Avatar (por certo, creo que xa está o terceiro preparado e, segundo versións que lin, a saga completa comprenderá cinco películas. Eramos poucos e pariu a avoa). Esta mala asimilación de “Avatar: O sentido da auga” tamén se ve un pouco influenciada pola incomodidade en que a vin, non só a causa do 3D, senón ó propio ambiente da sala cinematográfica.

Hoxe en día chamarlle sala cinematográfica ó recinto onde se ven as películas é un dicir. Para ben, habería que chamarlle sala do comedor, pois os espectadores, en vez de ir ver cine, van merendar ou cear. Ó principio é certo que empezas nunha sala para ver cine ou nun comedor para comer, para acabar rematando nun auténtico cubil dos porcos. Porque somos porcos de solemnidade. Porcos nas casas dos demais; non creo que nas nosas deixemos o chan estercado de flocos de millo, vasos de plástico e envases de cartón.

Outra incomodidade vendo o filme foi o trío humano (dous homes e unha muller) que tiven á miña dereita, que de cando en vez, ou sexa, moi a miúdo empezaban cos seus ruxerruxes de comentarios de tal ou cal escena, e cos seus ruídos (molestos, moi molestos) na busca dos flocos de millo para levar á boca. Resumindo; que entre a pésima película e o ambiente... desastre total!

Te puede interesar