Opinión

Baixo a néboa

Anéboa quere espallarse sobre o ceo do meu vivir. Pero non a deixo. Ós cachos sopro con forza e consigo trasladala a unha distancia bastante apañada. A condenada volve unha e outra vez. Eu sempre vento unha vez máis. Estou a quedar sen folgos. Pero non me vencerá. Vaiche boa! Non me deixo vencer por calquera cousa. A néboa é unha cousa fría que se mete nos ósos, aínda que eu, co esforzo de soprar, estou máis ou menos quente. A néboa é un fenómeno meteorolóxico que, ás veces, nun deixa ver un burro a tres pasos. Tamén é verdade que, nestes tempos de agora, non hai moito burro para ver. Emociónome cada vez que falo dos burros. Que animal máis bo tivemos convivindo con nós! Canto axudou no facer diario do labrego! E nunca o tivemos en estima. Mal feito! Ó mellor era por culpa da néboa, que altera ó máis temperado. Aínda que a min, a moi condenada, non me vencerá. Porque aínda que os nervios me estean a flor de pel, son quen de andar tranquilo pola vida. Ou moderado. Certo, cando me quento, rebento. Ó rebentar espallo palabras e sentimentos tan espesos como a propia néboa. Ás veces cégome como a néboa pecha. Ou espesa. Emporiso, prefiro asubiar temas de Ennio Morricone ou Carlos Núñez. Porque sempre me gustou asubiar baixo a néboa. Non sei, ó mellor é porque o sopro do asubío mantén a néboa afastada e non preciso sufocarme tanto a causa do esforzo.

Te puede interesar