Opinión

O bambán da liberdade

Galicia é libre desta pandemia que nos asolou durante tres meses. Tamén a rula voa en liberdade por entre as carballeiras dunha historia que hai que contar. Que se contará. O peor vai ser cando. Libre é a tartaruga cando atravesa o atallo que a levará ó niño da esperanza. Aínda que sexa lentamente. Ata os animais merecen ter esperanza. Libre é o latexo que sae do peito. Porque sempre hai momentos nos que un recordo ou emociona ou manca, ou rebenta ou se acovarda. Libre é o bambán que vai e vén empurrado por un verso que quere conxuntarse nun poema. É verdade que ás veces é moi complicado recitar un sentimento. E tanto. A liberdade gánase vencendo ós demos en silencio. Libre é a auga do Arnoia cando cruza mansamente a vila de Baños de Molgas. Máis libre é cando se deixa caer con forza da presa do muíño. Por ese río corren as troitas de pé e bailan un chotis os cágados debaixo dun amieiro. Libre é o mozo que se refuxia debaixo dun balcón cando chove ou, simplemente, cando quere berrar e que o seu berro produza eco. Máis seguro que queira espallar ese berro polo poema enteiro. Aquel que se escribiu cando unha doce sensación se bambeaba ó compás dun verso. “Libre te quiero”, dicía aquel. Eu tan só digo que a liberdade está nunha folla en branco. Agora tan só hai que enchela con ilusión, forza, interese e sentimento, moito sentimento. Porque ser libres é mirar ós ollos sen medo. Ser libres é coller a unha rula, acariñala e impulsala ó vento. A liberdade é voar con todo o alento que sae do peito.

Te puede interesar