Opinión

Bicamos a man que nos asoballa

Ofútbol é imprevisible. A política é imprevisible. Ou o que é o mesmo, a xente é imprevisible. Ás veces pensas que non hai lóxica nesta vida. Ollando (así un pouco por arriba) os datos das votacións, vin que en Barbadás os votos a Vox medraron coma a escuma, algo así coma un 10%, a tan só 32 votos do terceiro, de Unidas Podemos, e por enriba do propio BNG, que non hai moito gobernaba (en coalición co PSdeG) este concello. Isto deixoume un chisco aparvado, algo así como medio ido. Precisamente nun concello no que penso que hai moita inmigración. E todos sabemos o que pensan os de Vox sobre os inmigrantes. A non ser, claro está, que os veciños de Barbadás votaran a Vox precisamente por iso: porque hai moito inmigrante e están desexando que se larguen (España, un país de emigrantes, odia ós inmigrantes; incongruencia total). Ante isto entroume de repente a dúbida: se non hai inmigrantes, quen traballa na Valenzá? Todos sabedes a que traballos me refiro. Iso é, a aqueles que non queremos os españois. Isto é exactamente igual ó que acontece coas tendas dos chinos, que esbardallamos contra elas e eles, e despois resulta que todos, absolutamente todos imos algunha vez a elas... porque nos sacan dun apuro. Non obstante, o de imprevisibles dígoo máis porque intúo que algún inmigrante tamén votou a ese “partido” (por chamarlle dalgunha maneira), xa que esa subida tan espectacular, non sei, non sei. O ser humano sempre foi así: bicamos a man que nos asoballa.

Te puede interesar